Para situar o día a día dun trebello para o lecer, se cadra poucos escenarios hai tan apropiados como o Museo do Xoguete de Allariz. Este é precisamente o espazo elixido polos creadores da curtametraxe de animación O soldadiño de chumbo para situar a acción da súa proposta audiovisual, e, tamén, para dala a coñecer perante o público máis próximo e o máis afastado (a comunidade internauta xa pode ver un avance da obra no YouTube). O filme, que foi presentado este venres no privilexiado recinto expositivo da vila ourensá e na Casa da Cultura, vén da man das produtoras galegas Continental e Algarabía e dos directores Virgina Curiá e Tomás Conde. Segundo se fixo saber no acto de posta en longo, o feito de tratarse dunha curtametraxe (baseada no relato de Hans Christian Andersen) non puxo atrancos á contribución dunha boa dose de talento.
En todo caso, semella que lle deu un pulo: para o deseño de personaxes, O soldadiño de chumbo contou co labor de Alfonso Costa, encargándose o músico e empresario Emilio Aragón das achegas compositivas e musicais (a engadir á experiencia creativa previa con outro traballo de Continental, A flor máis grande do mundo, dirixida por Juan Pablo Etcheverry).
Polo que respecta á dobraxe, dicir que correu a cargo dos galegos Luís Piedrahita (no papel do Soldadiño) e Manuel Manquiña (como o Cigarrón). Na presentación da curta fixeron acto de presenza os directores Virginia Cúria e Tomás Conde, o deseñador dos personaxes Alfonso Costa e o produtor e produtora executiva de Continental; Pancho Casal e Chelo Loureiro, respectivamente. Ao longo do acto de posta en longo, fóronse achegando paseniño pero sen pausa algúns dos segredos máis salientables desta curta galega:
· Foron precisos para o seu remate doce meses de traballo, unha longa serie de metros de plastilina e 18.000 tomas fotográficas dixitais.
· O soldadiño de chumbo de Andersen foi transformado desta volta nun mozo galego que, igual ca no conto do escritor danés, está namorado dunha bailarina. Porén, e malia que o alicerce é semellante, os responsables da curta permitíronse unha serie de adaptacións aos novos tempos e á nova xeografía-escenario dos feitos (a nosa). Por exemplo, o malo da obra xa non é un bufón senón un cigarrón do Entroido de Verín.
O soldadiño de chumbo de Continental, presentado en YouTube
Compartir Este Artigo

