O ano que comeza será un ano de encontros internacionais para o audiovisual galego. O gran obxectivo do noso sector, neste sentido concreto, é en boa medida o mesmo có de apostar fortemente polas novas tecnoloxías como canle de creación, difusión e promoción: abranguer mundo. Nesta liña é onde se sitúan os responsables do filme galego do que falamos estes días na nosa web como exemplo de distribución integral na Rede, Cartas italianas, e nesta arela é onde toma posicións tamén a representación galega que viaxará a semana vindeira ao European Film Market, EFM, con sede en Berlín. Máis polo miúdo, e abríndolle camiño ao noso audiovisual, está prevista a concorrencia na feira xermana de ata dez empresas integradas no Clúster Audiovisual Galego: Voz Audiovisual, Xamalú Filmes, Adivina, Ficción, Formato, Filmanova, Continental, Dygra Films, Abano Producións e Perro Verde Films.
O gran obxectivo desta representación galega no salón EFM (feira empresarial inserida dentro dun dos festivais de máis prestixio do mundo, a Berlinale) é promover a nosa terra no seu papel de produtora de contidos de calidade, senón tamén dende o punto de vista do seu potencial innovador.
Amais, farase un esforzo dende o CLAG para mellorar na medida do posible a posición da industria audiovisual do país nos circuítos internacionais, “contribuíndo a que se identifique como un sector que represente a toda a cadea de valor e que é quen de completar o ciclo de produción”, sinala o clúster nun comunicado.
Por certo que a feira EFM, que vai estar aberta ata o 15 de febreiro, ofrécese como o escenario axeitado para estes obxectivos: está considerada un dos mellores centros de negocios para o audiovisual do mundo, e cada ano reúne unha media de 6.000 profesionais do sector.
Co fin de tirarlle o máximo partido á presenza de Galicia no EFM, o CLAG xestionou para as compañías galegas acreditacións Market Badge, que permiten o acceso a todos os recintos do mercado. Isto, informa o clúster, vailles permitir estar presentes en todas as seccións e programación: a sección oficial do Festival, Martin-Gropius-Bau, EFM Marriott Offices, EFM Screenings, proxeccións de prensa, Lounge de produtores e debates no Co-production Market, así como o rexistro na área da industria da web do mercado cunha conta persoal.
Dez empresas galegas participarán na feira de negocios ligada á Berlinale: a EFM
Compartir Este Artigo

