
A iniciativa cumpre o compromiso acadado pola Consellaría de Innovación e Industria de cara á creación dunha guía de estilo para as traducións informáticas ao galego, para o que foi preciso un intenso traballo de posta en común colaborativa e de consulta ás persoas especializadas na materia. Esta colaboración concretouse nas xornadas G11n: eu traduzo software libre, que comezaron hai un ano, e que na súa segunda edición o pasado novembro presentaron a versión 0.5 do manual, que agora xa está na súa versión 0.9 (descargable en formato PDF), pechando practicamente todo o apartado de criterios lingüísticos e deixando perfilada a sección de contidos técnicos (aínda que este documento estará en construción permanente.
Afondando nos seus contidos, o Manual de Localización de Software estrutúrase en dous apartados claramente diferenciados:o de técnicas de localización e os criterios lingüísticos. O documento comeza coa introdución e descrición das distintas técnicas existentes (aplicativos- Kbabel, Gtranslator, LoKalize…-, estándares – XLIFF, TMX, PO…) para pasar, detalladamente, á definición de criterios lingüísticos de estilo, ortotipográficos, morfosintácticos e terminolóxicos.
No apartado lingüístico a maior achega do documento reside na proposta dunha pauta de decisión obxectivable ante frecuentes dúbidas de tradución, que teñen derivado tradicionalmente en debates nunca finalizados (window, tab, plug-in…).
Tamén conta cun anexo terminográfico que recolle uns 3.000 termos traducidos en 7.000 formas de equivalencia (1.015 con dobre saída e 300 con triple saída), converténdose na meirande compilación extraída dun corpus textual de localización galega de software.
Nova versión do manual de tradución de software libre ao galego
Compartir Este Artigo
