Co gallo da celebración do Día da Internet o vindeiro 17 de maio, un dos patrocinadores do evento, Correos, organiza o concurso Diseña tu sello del Diadeinternet, co que pretenden fomentar o uso da Rede, para o que crean unha competición de deseños adaptados á estrutura dos selos personalizados que Correos comercializa dende hai tempo con moito éxito (con 700.000 selos producidos en 2007). Poderán participar centros escolares e o seu alumnado (premiándose tanto ao alumno gañador coma ao profesor que supervise os traballos) e cidadáns particulares, recibindo os gañadores un prego de 25 selos de Correos enmarcado co seu deseño, xunto con agasallos de maior contía coma un ordenador portátil para o gañador da categoría particular e o profesor da categoría escolar, mentres que o alumno desta última categoría recibirá unha consola de videoxogos. A maiores, tamén se darán 9 accésit por categoría (que só recibirán o prego de selos mencionado).
Dende Correos buscan que os deseños presentados sexan os «que mellor reflictan o mundo desta Tecnoloxía da Información e Comunicación», polo que entendemos que o humor quedará bastante afastado desta convocatoria, o que podería servir para conter o número de candidaturas.

Correos convoca un concurso para deseñar un selo do Día da Internet
Compartir Este Artigo
