As empresa galegas do audiovisual coordinadas polo Clúster Audiovisual Galego (CLAG) semella que non teñen parada no seu itinerario europeo de presentación dos seus produtos. Asemade, non hai nada que se lles resista, nin sequera a vila que acolle ao festival de meirande prestixio no continente: a localidade francesa de Cannes. Alí precisamente está prevista a celebración do Mercado Internacional de Contidos Audiovisuais e Dixitais, MIPTV, onde a incursión fílmica galega fará acto de presenza cun stand propio de seu (a plataforma para os contactos de negocio das compañías e as presentacións) e un total de 33 producións a presentar, entre series de ficción, animación en 3D, documentais, formatos de lecer ou catálogos de cinema para a súa explotacións na pequena pantalla.
En total, serán 15 as empresas galegas que levarán, da man do CLAG, as súas armas ao mercado audiovisual da vila cinematográfica por excelencia, a celebrar entre o vindeiro luns 30 de marzo e o 3 de abril.
Máis polo miúdo a delegación está integrada por Abano Producións, Artemática, Continental, CTV, Ficción, Filmanova, Interacción, Isabella Audiovisual, Dygra Films, Voz audiovisual, TV7, TVG, Adivina, Perro Verde Films e Milú Films.
Por certo que nesta edición, a organización do MIPTV prevé a participación de máis de 13.000 profesionais da industria televisiva, máis de 1.700 expositores e máis de 4.500 empresas procedentes de 111 países.
Quince empresas galegas participarán no mercado audiovisual de Cannes
Compartir Este Artigo

