O fundador de EA en 1982, Trip Hawkins, que na actualidade está a traballar na compañía de desenvolvemento de videoxogos Digital Chocolate, asegurou nunha entrevista que para eles o iPhone foi «unha sorpresa sorprendentemente agradable», chegando a asegurar que pensa que está «asustando a Sony e Nintendo», pois o móbil de Apple converteuse nunha plataforma válida para o xogo cuns 30 millóns de terminais no mercado, evitando a problemática do desenvolvemento de xogos para outros móbiles (dos que hai un excesivo número de plataformas ás que adaptarse), converténdose na plataforma máis efectiva.
Non hai que esquecer que a App Store xa anda polos 1.000 millóns de aplicacións descargas, das que máis do 70% son xogos, e están a resultar moi rendibles para os seus estudos de desenvolvemento. A propia Digital Chocolate xa conseguiu colocar 4 dos seus títulos (Chocolate Shop Frenzy, Crazy Penguin Catapult, Tower Blocks e Brick Breaker Revolution) entre os máis vendidos para o iPhone en apenas 100 días, cuns 10 millóns de descargas.
Hawkins acepta que as novas plataformas móbiles poderían ter moito futuro, pero asegura que a prioridade actual é lanzar xogos para o iPhone, pois conta cunha penetración de mercado incomparable ao resto de tendas de aplicacións para móbiles. Unhas palabras a ter en conta nun sector moi dinámico e que move máis cartos que o cine e a música xuntos.
O fundador de EA pensa que Sony e Nintendo temen ao iPhone coma plataforma de xogo
Compartir Este Artigo
