Esta tarde Jeff Bezos fixo unha presentación na Universidade Pace na que deu a coñecer un novo lector de libros electrónicos, o Kindle DX, que destaca principalmente por contar cunha pantalla de papel electrónico de 9,7 polgadas (fronte ás 6 polgadas do Kindle 2) o que permite unha resolución de 824 x 1.200 píxeles o que permitiría a visualización de libros de texto e xornais sen ter que desprazarse ou ampliar partes dunha mesma páxina durante a súa lectura.
Bezos asegurou que chegaron a acordos coas editoras de libros de texto Pearson, Cengage Learning e Wiley (que ocupan o 60% de tal mercado), así como coas universidades de Arizona State, Princeton, Reed College, Virginia e Case Western Reserve, que desenvolverán un programa piloto co Kindle DX no outono (que podería limitarse a unicamente 300 alumnos).
Pero o uso educativo do dispositivo é unha das iniciativas de futuro; xa no presente dende Amazon aseguran que «os xornais están a ser superventas absolutos no Kindle» e iso podería ser un dos principais motivos para sacar o Kindle DX, pois a súa pantalla fai moito máis doada a lectura de novas publicadas na prensa.
Na actualidade Amazon xa conta cun catálogo duns 275.000 libros adaptados para o Kindle, e tendo en conta que hai 18 meses o Kindle estreárase con 90.000 libros, vemos coma o ritmo de incorporación de textos aos soportes dixitais é moi prometedora.
Tecnoloxicamente o Kindle DX non supón ningunha mellora con respecto dos dispositivos anteriores, pois non incrementa a súa resolución senón o seu tamaño, aínda que o incremento da súa capacidade interna ata 4 Gb, a incorporación dun acelerómetro (para xirar páxinas) e o soporte nativo de documentos en PDF (ata o de agora era preciso converter os PDF para a súa carga) son unha importante novidade no trebello, que sairá á venda no verán, aínda que xa aceptan reservas ao elevado prezo de 489 dólares (367,56 euros), considerado moi esaxerado por boa parte dos seus potenciais usuarios. De todos os xeitos, o seu tamaño podería facer posible que algúns xornais decidisen subvencionalo a través de subscricións aos seus medios (o que parece que farán The New York Times, The Washington Post e The Boston Globe).
Ao descargar os contidos a través de 3G (o que permitiría a descarga dun libro en menos dun minuto) este dispositivo podería funcionar en Europa, polo que o desembarco no Vello Continente podería chegar antes de rematar o ano (aínda que ata o momento esa posibilidade non pasa de rumor).

Vídeo de presentación do Kindle DX |
