Hoxe o diario Público sorprende destacando na súa portada que 10 españois non queren estar en Google, precisando no seu interior que fan referencia a unha serie de decisións da Axencia Española de Protección de Datos (AEPD) nas que dá a razón a unha decena de cidadáns que non queren saír entre os resultados de busca de Google, pois detectaron que amosaba certa información sobre as súas persoas que consideraban que atentaba contra a súa intimidade.
Entre os casos que dan lugar á polémica están detalles publicados por boletíns oficiais do Estado, dos que non se pode borrar a información pese a facer referencia a delitos ou conflitos xurídicos, o que leva aos prexudicados a esixir a Google a eliminación dos seus datos da Internet, e aínda que a AEPD dea a razón aos cidadáns, dende Google recorreron a decisión ante a Audiencia Nacional.
Dende o buscador alegan que no actual estado da tecnoloxía non poden crear un sistema automatizado de datos persoais, e o certo é que non é Google quen publica a polémica información (senón que o fan as Administracións Públicas) e no futuro podería agravarse a situación, pois abrirse cada vez máis a Administración aos cidadáns, o que fará que a cantidade de información pública sexa moito maior.
Dende a AEPD aseguran que a lexislación actual no protexe ao cidadán todo o que debería, e pensan que de sancionar a Google polo tratamento de datos sen o consentimento dos cidadáns, a compañía tomaría medidas para crear un sistema de borrado eficaz, argumento que parece bastante ridículo se temos en conta que a meirande fonte de problemas son os boletíns da provincia e o BOE, que poderían evitar estes problemas adoptando medidas como as que tomaron en casos puntuais (nos que substituían un nome completo polas iniciais do cidadán afectado).
Varios cidadáns piden que Google elimine do seu buscador as referencias á súa persoa
Compartir Este Artigo
