A apertura da feira para desenvolvedores de Apple trouxo grandes novidades da compañía de Cupertino, como a renovación de toda a súa gama de ordenadores portátiles e do software (tanto do sistema operativo coma do seu navegador web).
Por unha banda temos que a liña de portátiles que ata o momento coñeciamos coma MacBook branco pasa a ser o único MacBook dispoñible (popular polo seu prezo de 899 euros) mentres que os MacBook de aluminio cambian o seu nome por MacBook Pro, o que fai que agora existan equipos baixo esta marca con pantallas de só 13 polgadas a partir de 1.099 euros (mentres que os equipos de 15 polgadas parten dos 1.548,99 euros e os de 17 polgadas teñen prezos que van dende os 2.249 euros).
Os novos MacBook Pro de 15 polgadas prometen unha autonomía de 7 horas, poden configurar cun procesador de ata 3,06 GHz, ata 8 Gb de RAM, con disco duro de 500 Gb (ou unha unidades SSD de 256 Gb) e unha pantalla mellorada, destacándose o feito de substituír o espazo para tarxetas ExpressCard por un lector de tarxetas SD.
Os modelos de 17 polgadas tamén engaden lector de SD, pero sen prescindir de tarxetas ExpressCard. Tamén melloran a súa batería, a súa pantalla, o seu procesador e a súa capacidade de disco.
Incluso os MacBook Air tamén incrementaron a súa potencia e reduciron o seu prezo (agora, a partir de 1.349 euros).
Pero para os usuarios que xa teñen un ordenador de Apple resultou de máis importancia saber que o sistema operativo Mac OS X Snow Leopard xa está case listo para saír á venda, aínda que haberá que agardar a setembro para adquirilo, tendo un prezo reducido para os usuarios que teñan Leopard (e custando só 8,95 euros para os usuarios que merquen un Mac a partir de agora sen o novo Mac OS X).
Snow Leopard suporá un importante paso adiante para o Mac OS X, pois está desenvolvido baixo unha arquitectura de 64 bits e soporta procesadores multi-núcleo, detalles que mellorarán o rendemento dos equipos de xeito considerable. Tamén incluirá unha nova versión de Quicktime (con soporte de aceleración por hardware) e abre o uso de OpenCL a aplicacións que non sexan xogos.
O navegador web de Apple tamén renovouse, e o Safari 4.0 xa pode descargarse de balde para Mac OS X e Windows XP/Vista, apostando por unha grande velocidade da execución de código javascript (leva o Nitro Engine no seu corazón) e incluíndo prestacións coma os Top Sites, o CoverFlow para ver o historial coma se fose un catálogo en iTunes, zoom a pantalla completa, barra de enderezos intelixente, campo de busca intelixente e protección contra programas maliciosos.
O Safari 4.0 promete ser o navegador máis rápido do mundo (algo moi discutible, pois distintas probas dan mellores resultados no Google Chrome) e o máis destacable desta versión é que finalmente retoma a posición das pestanas no navegador (que en versións anteriores situábanse na parte superior da fiestra do programa).

Apple renova os seus portátiles e o seu sistema operativo
Compartir Este Artigo
