Cando queremos atopar recursos gráficos para ilustrar unha entrada dun blog ou para facer un cartel, buscamos moitas veces na web as imaxes axeitadas, pero non sempre están libres de copyright, e para facilitar a localización de fotografía e ilustracións con licenza Creative Commons o buscador de imaxes de Google vén de incorporar nas súas opcións avanzadas un campo no que podemos elixir entre distintos tipos de licenza das imaxes, para restrinxir os resultados de busca segundo queiramos redistribuír e/ou modificar as imaxes atopadas.
Esta nova opción facilita aos artistas a localización de imaxes para a súa reutilización e os xornalistas teñen unha interesante ferramenta para localizar fotografías sobre os temas que están a tratar, á vez que todos poden respectar os dereitos de reprodución que marcase o autor das imaxes, aínda que este mecanismo non é perfecto e funciona sen garantías, de xeito que nin son todas as que están nin están todas as que son, pero é un bo paso para dar a coñecer imaxes que non teñen reservados todos os seus dereitos.

O buscador de imaxes de Google permite atopar imaxes Creative Commons
Compartir Este Artigo
