Os subscritores á edición impresa do The New York Times están a ser consultados pola cabeceira norteamericana sobre a posibilidade de ter que pagar 5 dólares ao mes para acceder á súa páxina web, ou sexa, que estarían a reconsiderar a volta ao modelo de pago que fracasou hai uns anos e que en España emulou El País con idénticos resultados.
O cambio de modelo de negocio respondería a conxuntura económica actual, que levou a que o xornal perdese 57,8 millóns de dólares o ano pasado, que no que vai de ano a súa cotización bolsista baixase un 35% e que os ingresos publicitarios na súa web caesen un 27% no primeiro trimestre do ano, polo que están a estudar posibilidades que palíen a situación, aínda que volver ao modelo de pago parecería recorrer á esmola dos lectores.
A nova estratexia da compañía podería estar en marcar un prezo que psicoloxicamente parecese moi reducido, así como deberán ponderar a evidente perda de ingresos publicitarios ao reducir o seu número de lectores en liña. Segundo parece, comezarían a experimentar co novo modelo de negocio co acceso á súa web dende dispositivos móbiles, en boa medida porque teñen menos capacidade de colocación de publicidade.
The New York Times estuda volver ao modelo de pago na web
Compartir Este Artigo
