O sector das grandes salas de proxección de cinema, non fai falta dicilo, está en contra de todo o que poida entrar no caixón da piratería. De feito, preocúpanse de deixalo ben clariño antes do inicio de cada película: quen ande con material tecnolóxico para gravar o que se proxecta e logo difundilo, xa sabe ao que se expón. Porén, o que faltaba ata o de agora era unha voz diferenciada e ben definida que dende este eido (decote ligado á comercialidade) deixase todo claro e sen rastro de dúbida. Unha voz como a do director xeral de Cinesa, Javier Fernández, que nunha entrevista recente con Cincodías avoga por endurecer o control da Administración española con respecto a toda a subeconomía xerada arredor dun feito fundamental: a copia sen permiso.

Por certo que semellante espírito crítico acompaña as declaracións de Fernández sobre o cinema español: “As películas españolas nin se ven nas salas de proxección nin se copian ilegalmente, porque non interesan”. No seu punto de vista, os produtores estatais terían que procurar e localizar o que lle gusta ao seareiro, aprendendo se é preciso dos norteamericanos, onde se fan filmes moito máis rendibles.
Cinesa, unha das cadeas de exhibición de meirande presenza en España (no noso país conta coas multisalas de Area Central en Santiago), tense situado xa en ocasións previas en posicións especialmente críticas co Goberno español e a súa política antipiratería.
Cinesa pide que se endureza a política antipiratería española
Compartir Este Artigo

