Esta semana estréase nas salas de cine galegas (e estamos seguros de que así será, posto que se trata dun produto con tirón comercial, e iso gústalle ben aos nosos exhibidores) un filme ao que lle cabe a honra (segundo quen o mire, claro) de ser un dos filmes máis descargado de todo o ano, moi preto de X-Men Wolverine (o máis). Falamos de District 9, filme de ciencia ficción dirixido por Neil Blomkamp que relata a dramática situación duns extraterrestres refuxiados que chegan ao noso planeta e non responden finalmente ás expectativas dos seres humanos: non son malos nin teñen no seu poder grandes cousas (tecnolóxicas e materiais) que ensinarnos.
O filme, producido por Peter Jackson (O señor dos aneis, King Kong) contou cunha moi ben desenvolvida campaña de promoción, e tan boa foi que rematou (conscientemente ou non) con esta febre por descargala antes da súa estrea oficial en Europa. Segundo se conta na Rede, a película en cuestión xoga con elementos a favor cos que non contaba por exemplo outra estrela das descargas, X-Men Wolverine.
En primeiro lugar trátase (segundo se conta) dunha moi boa película e, en segundo lugar, conta co respaldo dunha boa cantidade de seareiros e críticos. Máis polo miúdo, o filme foi obxecto de 1 millón de descargas en unicamente 24 horas. Por certo que a cousa iría a maiores, o fluxo do filme en cuestión, se finalmente se contabilizaran as copias de mala calidade gravadas nos cinemas.
District 9, preto de ser a película máis descargada do ano
Compartir Este Artigo

