Nos últimos días a seguridade das contas de correo electrónico de milleiros usuarios está a verse ameazada, pois inicialmente detectouse unha listaxe cunhas 10.000 contas de correo de Hotmail (baixo os dominios hotmail.com, msn.com e live.com) das que publicouse o seu contrasinal e, aínda que foron borradas da páxina web na que apareceron, a súa exposición deixa expostas a múltiples ameazas ás contas de usuario afectadas.
Microsoft está a investigar o acontecido, pero todo apunta a que non crackearon os servidores da compañía de Redmond, senón que conseguiron os datos das contas mediante ataques de phishing, pero para curarse en saúde, decidiron que o mellor para os usuarios era bloquear as súas contas de correo electrónico, coa posibilidade de reclamalas (a través dun formulario), aproveitando a ocasión para instar aos usuarios a mudar os seus contrasinais con certa frecuencia.
Pero a historia non remata aí, e xa apareceron novas listaxes de contrasinais de contas de correo en servidores de Microsoft, e o ataque que afecta a Hotmail tamén estaría a espallarse ata os correos de Yahoo! e Google. Estariamos así ante un ataque máis grande do previsto, o que continúa sen pasar a ser alarmante, pois non afectaron realmente á seguridade dos servidores de correo electrónico, senón ao pouco coidado que teñen os usuarios á hora de protexer os seus datos de acceso.
Publican milleiros de contrasinais de contas de correo de Hotmail
Compartir Este Artigo
