Este xoves proseguen en Vilagarcía de Arousa as sesións organizadas polo COETG-AETG no camiño de favorecer unha Rede axeitada para a nenez. Os encontros, dos que xa falamos nesta mesma web (achegando o calendario de actividades, punto por punto), celebraranse desta volta no telecentro do Obradoiro Municipal de Emprego. A idea da organización é establecer con estas xornadas (que son de carácter gratuíto) un itinerario divulgativo polas principais cidades galegas durante este mes de novembro. As sesións están dirixidas principalmente a asociacións de nais e pais de alumnos dos centros escolares e/ou asociacións culturais interesadas.
Máis polo miúdo e segundo informa o propio Colexio-Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia, os obradoiros teórico-práticos teñen o obxectivo de concienciar aos devanditos colectivos sobre os riscos que achegan as novas tecnoloxías da información e máis concretamente a gran cantidade de usuarios e usuarias que se dan cita nelas a diario. Asemade, tratarase de facilitar os medios precisos para aprender os métodos de control do uso da Internet, “sen que por iso se impida o acceso á Sociedade da Información”, informan os organizadores.
O COETG leva a Vilagarcía os seus obradoiros de rede segura para a nenez
Compartir Este Artigo

