A Esmorga, de Eduardo Blanco Amor, é un libro para descubrir e, coma as obras de arte indiscutibles, para perdurar. O feito que teña tantas/os e tan fieis seareiras/os, malia que unha boa parte delas/os chegase á novela dun dos peores xeitos posibles (pola forza en institutos, facultades e eventos formativos varios), non fai máis que corroborar o que xa se sabía: que é unha obra viva. E tanto que é así: albiscándose ao lonxe a celebración do 50 aniversario da súa publicación xa hai quen quere ligar a obra aos máis innovadores métodos de creación e comunicación. Máis polo miúdo, a unha parte moi específica do libro: o emprazamento polo que se moven os seus personaxes. Este de potenciar unha obra xa clásica no máis moderno é o miolo do concurso A Esmorgaphone, que consiste en recoñecer as mellores curtametraxes gravadas dende o móbil sobre os escenarios que inmortalizou Blanco Amor.
O certame, organizado pola Vicerreitoría do Campus de Ourense, está integrado na programación de Intercultural e, como dixemos, insírese na conmemoración da saída do prelo de A Esmorga, feito que non só condicionará por forza a temática dos traballos que se presenten (malia a ampla marxe de liberdade creativa que se achega) senón o resultado visual dos mesmos, que terán que ter puntos de ligazón cos camiños andados polos personaxes do libro. Segundo informa a Vicerreitoría, a participación está aberta a calquera persoa, ben sexa de xeito individual ou colectivo e a duración máxima dos traballos é de dous minutos.
A organización do concurso contará coa achega do xestor de actividades culturais Filemón Rivas, para quen está claro que a finalidade principal de mesturar unha obra literaria xa clásica coas máis novas tecnoloxías responde a un interese por fomentar o achegamento das novas xeracións á novela de Blanco Amor e, por extensión, ao noso rico e variado patrimonio literario. Asemade, o que se busca é implicar á comunidade estudantil nas accións de lecer extra académicas que se están a organizar no Campus.
Polo que respecta a prazos, bases e premios, dicir que as curtas deberán ser entregadas antes do 15 de decembro, pudendo logo descargarse dende a páxina web do Campus. O xurado estará integrado polos organizadores directos e indirectos da Intercultural, que terán a opción de deixar o premio deserto sempre e cando as características das curtas achegas non cumpran os requirimentos esixidos. As bases do concurso establecen un único premio para o gañador, que consistirá nun teléfono móbil de última xeración.
Ourense celebra o 50 aniversario de A Esmorga cun certame de curtas feitas co móbil
Compartir Este Artigo

