O Plan Avanza segue no punto de mira dos especialistas en redes, para ben e para mal. Se onte mesmo recibiu un importante recoñecemento ao seu labor da OCDE, hoxe é obxecto de críticas máis ou menos indirectas por parte dun informe presentado pola Unión Europea no que se advirte que a penetración da banda ampla en España segue a ser inferior á media comunitaria, concretamente do 20,7% en contraposición á taxa de 23,99% da UE.
Así, entre os países que xa deixaron atrás os logros de Estados Unidos en afianzamento das redes de alta velocidade non atopamos por ningures a España. Estes son: Holanda, Dinamarca, Alemaña, Bélxica, Francia, Suecia, Finlandia, Luxemburgo e Reino Unido). A cousa tampouco semella mellorar se atendemos á presenza de banda ampla móbil, que ten un afianzamento en España do 3,2%, sendo a media comunitaria do 4,2%.
Estes datos, referentes ao pasado verán, sinalan por outra banda que ámbolos dous indicadores seguen a medrar, o europeo nun 2,3% con respecto aos informes do ano anterior. Segundo contan Europa Press e SiliconNews, na investigación tamén se informa da habilitación de máis de 11 millóns de liñas fixas de banda ampla no último ano, contando o 80% das mesmas con capacidades de descargas de 2 megas por segundo como mínimo.
España segue por debaixo da media europea en afianzamento da banda ampla
Compartir Este Artigo
