A Sala de Innovación Tecnolóxica da Fundación CEL (SITE) acolleu este xoves a derradeira xornada da edición 2009 do Proxecto EmprendeTIC, un programa encamiñado a favorecer a inclusión das novas tecnoloxías en todos os sectores produtivos galegos, teñan relación directa ou non co dixital. Precisamente de fomentar a presenza das novas canles nun sector sobre o papel (pero só sobre o papel) diametralmente oposto, o sector agrogandeiro, tratou a achega divulgativa deste xoves, unha xornada celebrada en Lugo e que contou coa participación duns 150 profesionais de toda a provincia e procedentes de variados eidos produtivos. A xuntanza Implantación das TIC no medio rural foi organizada pola SITE en colaboración co AFRICOR Lugo e a Obra Social de Caixa Galicia.
Entre outras cousas, serviu para a presentación de aplicacións informáticas especialmente axeitadas para a xestión integral das explotacións agrogandeiras, plataformas web e tecnoloxías probadas, “accesibles e útiles para incrementar a rendibilidade do sector”, informa a organización da xornada.
Os seis relatores convidados presentaron cadanseu proxecto, dalgúns dos cales houbo demostracións simultáneas na SITE: o programa informático para o control leiteiro de AFRICOR, o servizo informático en rede para produtores agrarios denominado Sirpa que está a ultimar a empresa XAN (ambas as dúas aplicacións desenvolvidas por unha firma xurdida ao abeiro do noso viveiro, SCA), o modelo de tecnoloxía analítica NIR coa que traballa a compañía Inversiones Moroan nas granxas leiteiras, o prototipo de tecnoloxía do instituto As Mercedes de Lugo para a produción de auga quente sanitaria e calefacción mediante a recuperación de calor nun tanque de leite e as cámaras de videovixilancia do gando ou as antenas Wimax que instala IGN Solutions.
Uns 150 profesionais participaron en Lugo nunha xornada de TIC para o rural
Compartir Este Artigo

