O Clúster Audiovisual Galego, CLAG, presentou esta mañá no Foro Internacional de Contidos Dixitais, FICOD 09, cinco proxectos punteiros liderados por empresas galegas que puxeron de manifesto a elevada solvencia e o gran potencial de crecemento que posúe o audiovisual que se está a realizar en Galicia nos ámbitos da animación, os videoxogos, os mundos virtuais e a alta definición e deixaron patente o a contorna altamente competitiva que está a formar o audiovisual galego grazas ao espírito de colaboración que promove o CLAG.
Á presentación, titulada Claves futuras do sector audiovisual e moderada pola xerente do CLAG, Carla Reyes, asistiron unha treintena de directivos e profesionais dos contidos dixitais así como o representante do Ministerio de Industria, Turismo e Comercio, Jesús Cañada. Os participantes na sesión quedaron impresionados co nivel de innovación, orixinalidade e competitividade do empresariado audiovisual galego e coa envergadura dos proxectos consorciados nos que está a traballar a Plataforma Tecnolóxica Audiovisual Galega, i+dea.
No ámbito da Alta Definición, Jorge Algora, director de Adivina Producciones , deu a coñecer o proxecto HDDH (plataforma de distribución de contidos en alta definición) acompañado de representantes de Lambdastream, Blusens Technology e o CITIC da UDC, que conforman o consorcio que lidera este proxecto, cuxo obxectivo é obter resultados prácticos sobre a adaptación aos estándares de alta definición da cadea de valor do audiovisual desde a creación de contidos ata o seu consumo en fogar dixital utilizando a distribución baseada en IPTV.
Manuel Meijide, director de Ilux Visual Technologies, a nova empresa asociada ao CLAG, presentou o Proxecto Metavisual que está a desenvolver a Plataforma Tecnolóxica Audiovisual Galega, i+dea , consistente nunha plataforma formativa nos metaversos para o sector audiovisual.
Manuel Gómez e Lucas Mackey, de Dygra Films, ofreceron un avance da súa longametraxe de animación “Noite ¿de paz? (Holy night!, en inglés), que será o primeiro film español realizado con tecnoloxía dixital 3D estereoscópica. Asemade presentaron a nova área da compañía galega de prestación de servizos en tecnoloxía 3D.
Tamén presentouse outro dos proxectos que está a desenvolver a Plataforma i+dea: SCQ 2010. O Camiño, o primeiro metaverso cultural do Camiño e Santiago de Compostela no século XV, con finalidade pedagógica. Foi presentado por Julio Casal, director de Ficción Producciones, que lidera o proxecto, e amosou ante os asistentes imaxes do que será a animación do videoxogo.
Por último, Carlos Fernández, de Continental Producciones expuxo o proxecto Emotional Training, unha liña de videoxogos para Wii e outras plataformas, baseados na intelixencia emocional, a última tecnoloxía capaz de captar a través de sensores as diferentes emocións ante os estímulos do xogo.
O CLAG amosa no FICOD o nivel de innovación e competitividade empresarial do audiovisual galego
Compartir Este Artigo

