Dende Vmodal, nova empresa tecnolóxica galega especializada en tirar partido das redes sociais para a innovación cidadá, informan da posta en marcha dunha iniciativa de apoio á muller galega que segue este mesmo vieiro do dixital. Máis polo miúdo, trátase dunha proposta que coincide coa celebración do Día contra a violencia de xénero (este 25 de novembro) e que pretende facerse eco das moitas mobilizacións que as mulleres rurais galegas están a levar a cabo na Web 2.0 (a rede participativa) para pór de relevo cuestións como a necesidade de erradicar todos os azos culturais ou sociais que poidan ter as persoas que promoven a desigualdade ou defenden ou infrinxen violencia. A idea vai alén de empregar a Rede para lanzar esta mensaxe: o que se quere é tirar partido das canles máis sociais da mesma, as redes 2.0 que, como altofalantes, máis alcance teñen.
Con este obxectivo púxose en marcha ruraislab.com, espazo virtual de encontro onde as asociacións de mulleres empregan os seus blogs para divulgar opinións sobre esta lacra e debater acerca dos métodos para poñerlle freo.
Segundo informa a empresa Vmodal, responsable da posta en marcha deste servizo, pode verse un resumo dos posts específicos dos distintos blogs para este día e, por outra banda, foron postas en marcha actividades de gran pegada como a gravación dun vídeo dixital coa corporación municipal de Vilagarcía de Arousa e a elaboración dun manifesto.
Malia a súa relativamente breve traxectoria, RuraisLab.com, espazo social de innovación baseado nas demandas das mulleres galegas, foi recoñecido polos seus méritos o pasado 16 de outubro na segunda edición do Congreso de Espazos Sociais de Innovación de Málaga, sendo (informa a firma responsable) a única plataforma destas características procedente da nosa terra presente na Rede española, “e o único dedicado á muller rural en todo o Estado”, engaden.
Pódense ver algúns dos blogs individuais das mulleres rurais nas seguintes ligazóns:
· Valdalourinha (Asociación de Mos)
· Lolita Trigo (Asociación de Vilanova de Arousa)
· Sementeira (Asociación de Redondela)
· Sardiñeira (Asociación de Vilagarcía)
· Nogueira (Asociación de Meis)
· Caselas (Asociación de Caselas)
· Tempo gañado (Asociación de Salvaterra)
· Ledicia (Asociación de Navia de Suarna)
As mulleres rurais galegas botan man da Rede 2.0 para loitar contra a violencia de xénero
Compartir Este Artigo

