Malia que existe a tendencia a crer que unha feira tecnolóxica é exclusividade de profesionais e investigadores que peitean canas, o tópico vense estes días abaixo na Tecnópole de Ourense, no marco do encontro Galiciencia, onde quen dirixe con man firme os diferentes stands da mostra son mozas e mozos procedentes de toda a nosa xeografía. En total, estamos a falar de medio cento de equipos de estudantes chegados das nosas catro provincias e de Catalunya e Euskadi e amosando, ata este venres, o miolo dos seus inventos, todos eles compartindo o alicerce común de terse adiantado cos seus proxectos a empresas, centros de investigación e organizacións de toda índole. Porén, esa non é a única base aplicable ao conxunto: a práctica totalidade das innovacións presentadas diríxense a mellorar a calidade de vida dos hipotéticos usuarios. Haber, hai de todo, malia abranguer máis eido de acción os proxectos de enxeñería e todo tipo de investigacións científicas.
A feira Galiciencia que organiza a Tecnópole, inserida na Semana da Ciencia en Galicia, chegará ao seu remate este día 27 cando o xurado seleccionado para a ocasión dea a coñecer as (ao seu xuízo) mellores propostas en tres categorías por idades.
Por zonas de procedencia, contabilizáronse 15 proxectos de escolares da provincia de Pontevedra, outros 15 de Ourense, 9 da Coruña, 4 de Lugo, 6 de Barcelona e 1 de Guipúzkoa.
Segundo conta a Tecnópole, entre os enxeños achegados (que xa se poden visitar a distancia no Flickr) podemos atopar auténticas aplicacións tecnolóxicas ao servizo da utilidade, a seguridade, a limpeza ou a mellora da comunicación. A continuación damos conta duns exemplos:
· Un conxunto de sensores para operar de xeito coordinado e permitir o manexo de todo tipo de ferramentas informáticas a través dos movementos do corpo. A ferramenta, o Handtracking v2.0, veu da man de dous equipos do IES Rosalía de Castro de Santiago, ao igual que o sistema operativo para computadores que deixa marxe para que o usemos sen que sexa preciso unha instalación previa.
· Un protector para xeados que evita que nos manchemos, presentado por alumnas da localidade ourensá de San Cristovo de Cea.
· Un modelo de roda para automóbil con dobre cámara e reflectantes que estudantes do IES Xoán Montes de Lugo deseñaron para circular máis seguros en mollado.
· Un enxizador para tacos de billar que conta cun motor con redución de velocidade, ademais cun caxetín para recoller o po que se desprende, deseñado por un alumno do IES Val do Tea, de Ponteareas (Pontevedra).
· Unha mochila ergonómica para evitar sobrecargas nas costas ideada por un equipo do Colexio Guillelme Brown de Ourense formado por estudantes “fartos de sufrir polo peso dos libros todos os días”.
· Unha achega para o adestramento de pequenos robots para que practiquen diferentes deportes, bailen ou mesmo sexan quen de moverse e saír dun labirinto. Esta innovación veu da man de estudantes de Nigrán.
· No eido do aproveitamento de enerxías limpas e renovables cómpre salientar unha instalación termo+fotovoltaica de alumnos do CPR Divino Maestro de Ourense; un novo motor eléctrico con maior rendemento desenvolvido por estudantes barceloneses; ou un panel solar con células orientadas ideado por rapaces lucenses.
Estudantes de toda a nosa xeografía toman a Tecnópole para presentar o seus inventos
Compartir Este Artigo
