Malia que a carreira do DNI electrónico (ou eDNI, ou DNIe) é imparable, polo menos dende o punto de vista cuantitativo, ao seu proceso de medre semella fallarlle algo, e máis se temos en conta o gran número de tarxetas electrónicas desta índole que van dar ás nosas carteiras cos mesmos usos e utilidades cá tarxeta vella. E isto, malia as súas vantaxes como instrumento que favorece pola vía dixital a nosa relación con administracións, empresas e cidadáns. Co obxectivo de que isto non aconteza e teñamos máis opcións de tirarlle partido, a Universidade de Santiago vén de anunciar que o vindeiro luns 30 de novembro dará comezo a un reparto gratuíto de lectores de eDNI, instrumentos necesarios para empregar a tarxeta para algo máis que para presentala en administracións.
Desta maneira, informa a USC, as/os alumnas e alumnos que xa teñan o novo documento de identidade estarán en disposición de tirar partido das súas posibilidades: só terán que acudir coa nova tarxeta ás Unidades de Xestión Académica dos Campus para retirar o seu lector.
Amais disto, a institución educativa quere seguir traballando no fomento da Administración Electrónica, de aí que estea previsto achegarlle á comunidade universitaria a opción de levar a cabo os trámites de procedementos, solicitudes ou sinaturas por medio da práctica da sinatura dixital, un dos moitos procesos que permite, precisamente, o DNI electrónico en combinación co devandito lector. Estas e outras medidas serán levadas a cabo ao abeiro do Plan Avanza (Red.es), e cómpre sinalar que a posta en xogo dos devanditos lectores no eido universitario compostelán non limitará o seu uso a este espazo, senón ao de calquera outra administración pública.
A USC comeza este luns o reparto gratuíto de lectores de eDNI
Compartir Este Artigo
