A Rede é un espello ben comunicado de nós mesmos, pero un espello a fin de contas. Está a nosa disposición para que lle deamos fondo e feitura, con todo o que isto pode ter de positivo e tamén de negativo. Poñer sobre aviso aos usuarios da Rede máis susceptibles de non caer na conta desta multiplicidade de intencións que abrangue a Internet é un dos obxectivos da xornada que o CPEIG (Colexio Profesional de Enxeñaría Informática de Galicia) prepara para estes xoves 3 de decembro en Santiago. O encontro, que se vai celebrar na Casa das Asociacións Veciñais de Cornes a partir das 19.00 horas, xirará arredor dos distintos perigos e riscos que o emprego das redes sociais poden representar para os adolescentes e os nenos.
A xornada (que se celebra baixo o epígrafe Redes sociais, Facebook, Tuenti… A cara oculta d@s amig@s d@s meus fill@s) contará coa presenza de diversos especialistas na Rede participativa para informar en detalle do que poden facer as nais e os pais que se dean cita no evento á hora de protexer dixitalmente aos seus fillos. A mesa redonda está organizada pola Coordinadora de Traballo en Rede do Barrio de Conxo-Milladoiro e conta coa colaboración do CPEIG.
Como presentadora da mesa redonda actuará a concelleira de Mocidade, Economía e Facenda do Concello de Ames, Patricia Conde Lois, e como coordinadora do acto intervirá María Dolores Alvariño Alejandro, orientadora do IES Eduardo Pondal de Santiago.
Por parte do CPEIG participará o seu presidente, Fernando Suárez Lorenzo.
Acompañarano na mesa a directora da UMAD do Concello de Santiago, Pilar Bermejo González, e o tenente coronel da Garda Civil e xefe da Sección de Operacións 15ª Zona Galicia, Eduardo Martínez Viqueira.
A clausura da mesa redonda correrá a cargo de Mar Martín García, concelleira delegada de Benestar Social e Muller do Concello de Santiago.
Segundo informa o CPEIG, a xornada afondará en cuestións como a orixe e alcance actual das redes sociais, a súa repercusión na mocidade e a adición ás mesmas. Para o Colexio, trátase dunha mostra máis do seu compromiso a prol dun uso axeitado das ferramentas da información, imprescindibles para a nosa formación pero (ao mesmo tempo) susceptibles de poñernos ao alcance de certos riscos. Nesta liña insírese a colaboración do CPEIG con diferentes administracións e organizacións de toda Galicia “na posta en marcha de foros de debate sobre as ameazas que xorden dende as redes sociais para a mocidade e a nenez”.
O CPEIG organiza este xoves unha xornada sobre os riscos das redes sociais para a mocidade
Compartir Este Artigo
