Sada, de man do seu Centro de Dinamización da Sociedade da Información, vén cun mes de decembro completo en materia de promoción das redes e as súas vantaxes entre a veciñanza. Segundo informan os responsables da dita aula da Rede de Dinamización, hoxe mesmo está programada a celebración da charla Seguridade en Internet, unha sesión que como o seu propio nome indica vai dirixida a achegar consellos de utilidade para non deixar que nos rouben información ou cartos a través de Internet. A charla, que vai correr a cargo de expertos da Garda Civil, desenvolverase ás 19.00 horas. Máis polo miúdo, incluirá a achega de recomendacións básicas de seguridade en Internet e o seu manexo a nivel de usuario.
Amais desta xornada, o Centro de Sada acollerá ao longo de decembro cinco obradoiros sobre cómo tirarlle partido aos recursos informáticos.
· Iniciación á fotografía dixital. O seu obxectivo é que aqueles/as que participen sexan quen, ao finalizar o obradoiro, de empregar unha cámara dixital, pasar as fotos ao computador e facer retoques básicos ás imaxes. Comezará o luns, 30 de novembro, e rematará o venres, 4 de decembro e terá lugar en horario de 18:30 a 20:30 horas.
· Creación e mantemento dun blog persoal. Con este obradoiro as persoas participantes acadarán as competencias necesarias para crear e manter o seu propio blog. Constará de 10 horas de formación que se desenvolverán do 30 de novembro ao 4 de decembro, de 9 a 11 horas.
· Iniciación á Internet. O obradoiro pretende capacitar aos usuarios/as para que sexan quen de utilizar, de forma básica, aplicacións e ferramentas fundamentais relacionadas coa rede Internet. Desenvolverase do 9 ao 11 de decembro de 9 a 11 horas.
· Creación dunha conta de correo electrónico. Con esta actividade preténdese que o usuario/a, ao finalizar este obradoiro sexa capaz de crear e xestionar a súa propia conta de correo electrónico. Desenvolveranse en dúas quendas, a primeira en horario de tarde de 18:30 a 20:30 horas entre o 9 e o 11 de decembro. A segunda quenda terá lugar tamén en horario de tarde de 18:30 a 20:30 horas, do 14 ao 17 de decembro.
· Procesador de textos: Writer. Con este obradoiro preténdese que o/a usuario/a ao finalizar este obradoiro sexa capaz de crear e modificar un documento de texto empregando o OpenOffice Writer. Este obradoiro desenvolverase entre o 14 e o 17 de decembro, de luns a xoves en horario de mañá de 9 a 11 horas.
Sada acolle en decembro unha charla sobre seguridade en liña e cinco obradoiros TIC
Compartir Este Artigo
