
A cita será con Tino Fernández, fundador da compañía galega Altia Consultores, quen participará na sesión dando a coñecer “as chaves para o emprendemento tecnolóxico en Galicia”.
Asemade, fará un percorrido polas expectativas de medre do noso tecido TIC e polo seu caso persoal á fronte da dita consultora tecnolóxica, unha das empresas do seu sector de máis proxección en España.
Sobre Iniciador Galicia, trátase dun programa de divulgación dirixido a empresarios de calquera ámbito e a xente interesada na cuestión tecnolóxico-dixital aplicada ao corporativo, dende estudantes ou traballadores por conta allea ata emprendedores a piques de selo. O obxectivo, polo tanto, é reunir participantes de múltiples perfiles coa finalidade de favorecer o intercambio de experiencia e máis de coñecemento.
Na actualidade, a iniciativa lévase a cabo nun formato aberto de diálogo entre relatores e público, comezando cada evento cunha presentación da experiencia do persoeiro convidado, proseguindo co relatorio propiamente dito para rematar coa rolda de preguntas “nun ambiente distendido que permita o máximo fluxo de coñecemento, de experiencias e de preocupacións”, sinalan os responsables da iniciativa.
Por certo que detrás da mesma (posta en marcha na súa edición galega en abril de 2009 coa achega comunicativa de José Ramón García, presidente de Blusens) atópase un equipo de empresarios galegos integrado por María Encinar (coordinadora do grupo e xestora dos relatores), David Pombar (responsable de comunicación) e Iván Fociños (encargado da xestión e da relación cos patrocinadores). Os seus obxectivos pasan por ampliar na medida do posible o número de cidades nas que se celebra o plan Iniciador e máis a súa edición galega. Apoiando a iniciativa atópanse empresas e entidades como o Instituto Tecnolóxico Empresarial Caixa Galicia, BidoBido ou a Escola Superior de Enxeñaría Informática de Ourense.
Na imaxe, o relatorio impartido por José Ramón García (Blusens) achegado por Jasp en Flickr.
Iniciador Galicia desvelará na Coruña as claves para o emprendemento TIC na nosa terra
Compartir Este Artigo

