A fin de favorecer a integración das persoas con lesións medulares e discapacidades físicas importantes, a firma de comunicación Telefónica e Aspaym Granada, a Asociación de Lesionados Medulares e Grandes Discapacitados Físicos, veñen de asinar un acordo de colaboración mediante o cal mellorar a calidade de vida deste colectivo a través das novas tecnoloxías.
Mediante a sinatura deste convenio, Antonio Millán, vicepresidente de Aspaym Granada e Luis Abril, secretario xeral técnico da Presidencia de Telefónica, comprometéronse a convertir o servizo de teleatención medular da devandita asociación nunha ferramenta “multicanle” que lle permita aos asociados incrementar a súa independencia e comunicarse co seu entorno, podendo aproveitar as vantaxes de novos sistemas tales como a videoconferencia.
Segundo veñen de anunciar os máximos responsables desta iniciativa, tanto as melloras previstas como o desenvolvemento dun programa de alfabetización dixital “serán replicables noutros lugares do territorio nacional, onde a asociación conta con máis de 30.000 asociados”.
Para facérmonos unha idea do alcance deste servizo, no ano 2008 realizáronse unha media de 500 atencións directas e 720 atencións telefónicas a través desta plataforma, cun total de 615 persoas contactadas e preto de 200 intervencións para apoio psicolóxico e sanitario; consultas sobre mobilidade, atención social, vacacións…
Por outra banda, o convenio contempla o apoio de Aspaym no lanzamento dos Premios Telefónica Ability Awards, que terán lugar próximamente en España.
Telefónica axudará ás persoas discapacitadas cun novo servizo de teleatención avanzado
Compartir Este Artigo

