Despois de tres anos nos que a Rede de Dinamización da Sociedade da Información leva traballando no Salnés en prol da capacitación dixital dos veciños e veciñas da zona, a entidade vén de facer balance do que deron de si as actividades programadas, e o resultado non puido ser máis satisfactorio.
Neste tempo, dende o Centro do Salnés implementáronse 101 obradoiros cunha duración total de 812 horas, nos cales participaron 828 persoas. Asemade, como actividade estrela, destacou por enriba das demais a iniciativa Abre os ollos ao Salnés, un obradoiro de fotolog que conta arestora con máis de 200 fotografías enviadas por tódalas persoas que tiveron a ben participar.
Este Centro conta na actualidade con 693 usuarios/as (256 homes e 437 mulleres).
Pola súa banda o CDSI-Vilagarcía de Arousa, posto en funcionamento en xaneiro de 2009, ten xa 571 usuarios (282 homes e 289 mulleres) e nel realizáronse 35 obradoiros nos que participaron 280 persoas.
Neste Centro cabe destacar a colaboración co Faiado da Memoria, unha iniciativa pola cal 5 persoas fixeron a súa propia videomontaxe con imaxes relacionadas coa memoria histórica do concello.
Asemade, xunto co CDSI-Sanxenxo, o Centro de Vilagarcía participou no Concurso de Iniciativas na Rede, un galardón que gañou nas 3 edicións pasadas grazas ás distintas propostas presentadas polos usuarios e usuarias do Centro, entre as que cabe destacar dúas relacionadas co software libre e outra dirixida a pequenas e medianas empresas e comercios da zona.
Ambos os dous Centros, o de Vilagarcía e o do Salnés, veñen de anunciar que o vindeiro venres 18 de decembro, van levar a cabo unha charla conxunta, a cal, baixo o nome A Rede de Dinamización da Sociedade da Información: 3 anos no Salnés, recollerá un resumo de tódalas actividades e iniciativas que se levaron a cabo no lugar en prol da inserción de toda a veciñanza na Sociedade da Información.
A charla terá lugar a partir das 12:00 horas no salón de actos do Centro Comarcal do Salnés e entre os asistentes, a Rede sorteará varios Mp3.
A Rede de Dinamización fai balance do que dou de si o Centro do Salnés
Compartir Este Artigo

