O xigante americano Google, que nin no Nadal renuncia a facerse con todo canto se cruza no seu camiño, vén agora de anunciar o seu interese pola adquisición de dous novos servizos en liña: a web de negocios Yelp e o portal Docverse, polos que podería chegar a desembolsar ata 365 millóns de euros.
No tocante a Yelp, o buscador atópase en conversacións cos seus responsables, e podería chegar a pagar máis de 348,75 millóns de euros. Ao absorber a esta compañía, Google convertiríase en propietaria dun dos portais máis importantes en información sobre restaurantes, locais e pequenas empresas da Rede, que inclúe máis de 8 millóns de comentarios dos propios usuarios de Yelp.
Ese recurso de contidos e gran foco sobre as empresas locais podería subministrar un valioso punto de apoio a Google no seu intento de convencer aos comerciantes locais para que trasladen os seus gastos en publicidade a Internet.
Por outra banda, en relación a Docverse, o buscador tamén mostrou certo interese, xa que este servizo permitiríalle aos usuarios de Google colaborar con documentos de Microsoft Office en tempo real. Este portal está valorado nuns 17 millóns de euros, e malia que este acordo aínda non está pechado, fontes cercanas á negociación admiten que “vai polo bo camiño”.
Google vai polo bo camiño para adquirir Yelp e Docverse
Compartir Este Artigo

