A Consellería de Economía e Industria, que recentemente convocou unha nova edición dos seus Premios de Xornalismo Científico Galicia Innovación, recoñeceu a labor de divulgación da I+D+i levada a cabo por dous xornalistas da Compañía de Radio Televisión de Galicia (CRTVG) outorgándolles un total de 7.300 euros que nunca veñen mal e menos nestas datas.
A resolución do galardón, que chega este ano á súa sétima edición, publícase hoxe no Diario Oficial de Galicia, e o gañador do primeiro premio, dotado con 5.000 euros, é o xornalista da Radio Galega (RG) Manuel Vicente García, co traballo titulado Efervescencia no LHC de Xenebra. María del Carmen Solar Núñez foi merecedora do segundo premio, dotado con 2.300 euros, pola reportaxe emitida por Televisión de Galicia (TVG) co título A cría do ourizo: innovando nos cultivos mariños.
O traballo gañador, Efervescencia no LHC de Xenebra, foi produto dunha visita realizada polo seu autor ao acelerador de partículas da Organización Europea para a Investigación Nuclear (CERN), en Xenebra (Suíza). Manuel Vicente relatou o percorrido que tivo ocasión de facer por esta instalación científica acompañando a unha delegación galega de profesores da Asociación de Ensinantes de Ciencias de Galicia (ENCIGA) unha semana despois da inauguración do LHC. O programa recolleu as conversas mantidas con físicos teóricos e experimentais, enxeñeiros, xestores e técnicos para dar a coñecer a través dos seus protagonistas, e cun enfoque divulgativo, o maior proxecto de investigación europeo da historia.
Pola súa banda, a reportaxe de María Solar, A cría do ourizo: innovando nos cultivos mariños, difunde o traballo dun equipo de investigadores galegos que está a desenvolver un proxecto centrado na caracterización xenética do ourizo de mar e na realización de experiencias de cultivo de xuvenís en batea. Mediante este traballo xornalístico contribúese ao coñecemento da labor científica nun dos sectores estratéxicos da economía galega, a acuicultura, en relación a novas especies susceptibles de ser explotadas nun futuro.
Este galardón foi posto en marcha no ano 2002 co obxectivo de incentivar a produción de textos xornalísticos especializados en materia científica, investigación e desenvolvemento. O xurado que avaliou os traballos, no que participaron expertos no eido académico e profesionais da comunicación, estivo presidido polo director xeral de I+D+i, Ricardo Capilla.
Segundo consta na acta de resolución dos premios, o xurado tivo en conta a calidade xornalística, o rigor científico e a repercusión social dos temas tratados polos galardoados. Ademais, valorouse a contribución das dúas reportaxes premiadas ao fomento da cultura do coñecemento da ciencia e da tecnoloxía e a unha mellor percepción das actividades de I+D+i por parte da sociedade galega.
Os galardoados levan varios anos traballando no eido da divulgación científica nos seus respectivos medios de comunicación: Manuel Vicente García á fronte do programa Efervescencia da Radio Galega e María Solar a través do espazo Ciencia Nosa da Televisión de Galicia.
Os Premios Galicia Innovación galardoan a dous xornalistas da CRTVG
Compartir Este Artigo

