O Goberno central vén de lanzar un novo reconto sobre a cobertura actual da Televisión Dixital Terrestre. Segundo fai saber o Ministerio de Industria neste informe de fin de ano (por este motivo, máis significativo cós anteriores), na actualidade hai 6.5 millóns de cidadáns, pertencentes a 1.700 concellos de todo o territorio estatal, beneficiándose do cese de emisións en analóxico e recibindo de xeito exclusivo a nova tecnoloxía nos seus fogares. Con todo, engádese no estudo, a cifra é tan provisional como poida selo un dato sobre unha tecnoloxía, a TDT, en pleno proceso de despregamento. Tanto é así que está previsto un novo cambio significativo de cifras para finais do mes de xaneiro, intre no que a cidadanía “acumulada cos primeiros e segundos ceses” ascenderá a máis de 15 millóns de persoas, o que constitúe un terzo da poboación do Estado español.
Este dato significa tamén que cando o mes que vén enfíe a recta final, a metade dos concellos recibirán a televisión a través dunha única canle: a da TDT. A idea, como se pode supoñer, é abranguer o máximo posible de traballo con vistas á data fixada para o apagamento analóxico definitivo para toda España, o vindeiro 3 de abril. É dicir: evitar que unha parte máis ou menos ampla da sociedade fique sen posibilidade de recibir o sinal por falta de cobertura (feito por outra banda inevitable, segundo sinalan as institucións responsables, que agardan afecten á menor cantidade de familias posible). No informe danse a coñecer outros datos de interese:
· A cobertura de TDT supera xa o 98% da poboación.
· O 85,4% dos fogares españois xa teñen acceso ás canles da nova televisión dixital.
· O 99% das familias asegura coñecer o novo sistema de emisión audiovisual.
· A televisión dixital xa supera á analóxico en case 29 puntos no que se refire á cota de pantalla.
O Goberno contabiliza 6,5 millóns de persoas recibindo TDT de xeito exclusivo
Compartir Este Artigo
