Non todo ía ser negativo na aplicación das novas tecnoloxías á nosa comunicación e á nosa vida diaria, tal e como os medios off line teiman en darnos a entender na súa loita por reivindicar as bondades da prensa escrita ou da televisión. Así, quen queira ver exemplos de como as ferramentas dixitais da información, ben empregadas, melloran a nosa calidade de vida, vainos atopar. A Plataforma SINC, precisamente, dá conta hoxe mesmo de un caso salientable de aplicación TIC ao eido sanitario. Trátase dun sistema desenvolvido polos investigadores do Instituto Itaca da Universidade Politécnica (UPV) de Valencia e que consiste nunha tecnoloxía móbil para o seguimento da evolución dos doentes logo de procesos operatorios de calquera índole.
Polo de agora, as ferramentas estanse a poñer en práctica nas Unidades Hospitalarias de Cirurxía Maior Ambulatoria e, máis concretamente, no espazo que acolle ao paciente logo dunha intervención: o fogar.
Segundo conta SINC facéndose eco de fontes da UPV, o sistema posibilita a redución no número de reingresos respecto aos usos tradicionais e fai medrar a cifra de persoas en seguimento sen que se eleven en gran medida os custes da plataforma. Desenvolvido polo grupo de Tecnoloxías para a Saúde o Benestar (TST) do devandito centro de investigación, baséase no emprego de telefonía móbil para o subministro de fotografías ao hospital.
Este emprego da telefonía compleméntase cun programa informático que, xunto cun equipamento portátil para o doente, permítelle o persoal médico dispoñer de datos obxectivos sobre como se atopan os pacientes. O sistema está a ser obxecto arestora de melloras, como por exemplo o engadido de complementos que posibilitan a achega de información a través da Web e mediante o recoñecemento de voz. Deste xeito, informan os responsables do sistema, garántese que calquera aviso ou consulta sexa atendido.
Investigadores valencianos tiran partido do móbil para o seguimento de pacientes logo dunha operación
Compartir Este Artigo
