A lingua é algo máis que un xeito de falar. Por ela exprésase punto por punto o que somos e a onde queremos ir. O discurso, que semella tan rifado coa era da información dixital, pode atopar na Rede, quen nolo ía dicir, alianza extra. Afastándose no posible de politizacións e de prexuízos en contra das novas canles do coñecemento, o Instituto Galego de Estudos Europeos e Autonómicos está a procurar na era dixital un acubillo para o debate acerca da lingua e para a lingua mesma. Nesta liña insírese a extensa documentación multimedia que o Instituto vén de habilitar na súa canle de Vimeo, onde podemos atopar tódalas conferencias, mesas redondas e presentacións do I Simposium Internacional Ecolingua 2009, un encontro real onde participaron cincuenta expertos debatendo acerca da situación do galego e que agora, coa súa prolongación dixital, fica aberto á participación colectiva.
Por certo que a xuntanza, que se celebrou en Vigo os días pasados, deu como resultado a cifra de 23 vídeos, a través dos que poderemos dar conta dos relatorios e os debates levados a cabo ao longo de tres xornadas de Simposio por especialistas e máis axentes sociais do eido galego, estatal e internacional.
Entre os participantes atopamos xente pertencente á Real Academia Galega, á Secretaría Xeral de Política Lingüística, ás Universidades galegas, aos partidos políticos ou ao Consello da Cultura Galega.
Amais, co fin de acadar un debate o máis plural posible, déuselle acubillo a membros de Galicia Bilingüe, unha entidade que non salienta precisamente pola promoción presente e futura da nosa identidade. Sinalar que o Instituto Galego de Estudos Europeos e Autonómicos, ou IGEA, é un colectivo que ten por obxectivos favorecer o intercambio de coñecemento e a reflexión arredor da lingua e a acción política que se deriva dela.
O debate sobre a lingua promovido polo IGEA, dispoñible xa na Rede
Compartir Este Artigo
