O software libre, malia todo o que se conta dende as administracións sobre o ben que lle acae aos seus programas de promoción informática, aínda está pendente dunha boa cantidade de apoios. Así o vén de denunciar o Bloque Nacionalista Galego, para quen as institucións públicas deben ter por obriga o seu impulso, sobre todo (dise dende o partido) se temos en conta os moitos cartos que se poden aforrar promovéndoo e usándoo e máis o positivo que pode resultar para a industria propia dun país. Isto, sinalan os nacionalistas, é aínda máis válido para o eido educativo, un ámbito onde debe prevalecer o libre intercambio de información, a accesibilidade á informática sen atrancos e o traballo cooperativo.
Para o BNG, explicou os días pasados o senador Xosé Manuel Pérez Bouza, o acordo asinado o pasado 10 de decembro entre o Ministerio de Educación e Microsoft supón “entregar a formación escolar en TICs a unha multinacional privada”.
Multinacional, aclarou, “que, como é lóxico, apoiará e ensinará software propietario”. Neste senso, o Bloque xa presentou unha iniciativa para pedirlle ao Goberno “que rectifique e cumpra cos seus compromisos electorais de impulsar o software libre, e en concreto no ensino”. O feito, sinala o partido galego, é aínda máis grave se temos en conta a transcendencia do acordo, que abrangue cuestións como o equipamento tecnolóxico das aulas, a formación dixital dos profesores ou a compra de equipos portátiles (que para o BNG está claro que levarán o sistema de Microsoft). O senador lembroulle ao Goberno que a propia Lei de Educación recoñece a necesidade de impulsar o software libre na escola polos seus valores de traballo colaborativo e en equipa.
Críticas dende o Bloque ao pacto educativo-dixital entre o Goberno e Microsoft
Compartir Este Artigo
