Port Designs, a firma fabricante de solucións de transporte, protección e ergonomía para portatiles, que nos ten acostumados a sorprendernos cada día con novas fundas e mochilas para levar comodamente os nosos dispositivos sen deixar de lado a orixinalidade das cores e dos deseños, vén desta volta de sorprendernos por outro motivo: pola súa participación no programa Escuela TIC 2.0 como provedor da Junta de Andalucía.
A firma, que deseñou e confeccionou unha mochila trolley a medida para os alumnos desa Comunidade (coas cores corporativas da mesma), vai entregar un total de 180.000 unidades, para outros tantos alumnos dos cursos de 5º e 6º de primaria de toda a Comunidade.
O modelo deseñado para a Consellaría de Educación de Andalucía é unha práctica mochila convertible en trolley que lle permite aos máis pequenos transportar o seu miniportátil con comodidade e seguridade, ben sexa colgado nas costas ou mediante as rodas integradas na parte inferior e o brazo telescópico, evitando así cargar con demasiado peso nas costas. Tanto as correas para o ombro coma as costas veñen acolchadas e reforzadas, para evitar que os nenos se fagan dano ao levar a mochila, e a parte traseira está fabricada en tecido “mesh“, un material antitranspirante que resulta da superposición de finas capas micro-ventiladas.
O compartimento para o portátil da mochila trolley está reforzado con escuma de alta densidade (matt system), que proporciona ao ordenador protección extra contra os golpes. A mochila dispón, asemade, dun compartimento para levar material escolar, dotado de numerosos petos, e dun departamento extra especialmente deseñado para a botella de auga, fabricado en neopreno para conservar a temperatura dos líquidos. Tanto o exterior como as divisións internas están fabricados en nailon de alta resistencia. A mochila vén ademais equipada cun práctico chuvasqueiro reflectante que permite protexela do frío e a chuvia, e que á vez aumenta a visibilidade do neno que a leva se este se despraza con pouca luz, diminuíndo o risco de atropelos.
Port Designs participa no proxecto Escuela TIC 2.0 en Andalucía
Compartir Este Artigo

