Fálase moito estes días, e a base de ben, dunha doazón monetaria considerable dirixida a sufragar os importantes gastos futuros dunha das familias españolas máis necesitadas de recursos, a familia real. Pois ben, ironías aparte o caso é que o anuncio desta importante achega de cartos coincidiu en parte cunha das máis tristes e desesperantes desgrazas do noso tempo: o terremoto de Haití, a día de hoxe no máis cru da súa virulencia, malia que o sismo en si mesmo xa hai días que deixou de sentirse. A comunidade internauta, que non descansa nin durme, tomou cartas no asunto: xa que non hai ninguén neste Estado español (nin de esquerdas nin de dereitas) que aprobe a devandita doazón e xa que os príncipes anunciaron que ían ser solidarios coa súa parte, estanse a tomar na Internet diferentes medidas para conseguir que se lle ceda o diñeiro aos damnificados de Haití. A medida, coa que dificilmente se estará en desacordo, non cabe dúbida de que tamén sería positiva para a real familia, tendo o conta que a súa imaxe pública na sociedade española está feita farrapos.
Podemos ver a iniciativa materializada na comunidade Facebook, nunha fronte común que leva o seguinte epígrafe: Para que os Príncipes doen a Haití a súa herdanza millonaria do menorquín.
A medida, que só require un clic para os usuarios da dita social, contaba a primeira tarde de hoxe luns con case 16.200 membros, o que non está nada mal para unha proposta desta índole, xeralmente máis minoritaria. Entre os que se veñen de sumar á proposta común está o xornalista Xaime Calviño de Xornal, quen fala hoxe mesmo do seu apoio á proposta (que xurdiu, precisamente, logo de que se soubese en España que os príncipes ían destinar a súa parte da herdanza legada polo investidor Juan Ignacio Balada) e da marcha da mesma: aproximadamente dunhas dez adhesións por minuto.
Supera as 15.000 adhesións o caderno que pide o redireccionamento a Haití da herdanza destinada á familia real
Compartir Este Artigo
