Arteixo Telecom, empresa dedicada ás novas tecnoloxías, procedente de Alcatel e con sede nas Pontes, vén de pasar a ser unha compañía cen por cento galega ao ter adquirido as accións da sociedade madrileña Gesprotel S.L, que representaban o 20 por cento do capital.
Esta operación de compra-venda de accións levada a cabo polo grupo de directivos Global Diez S.L, supón agora que o accionariado de Arteixo Telecom pase a estar en mans desta sociedade, co 71 por cento do capital, e de Intelega, S.L, co restante 29 por cento; ambas as dúas con domicilio en Galicia.
Dende a súa entrada en Arteixo Telecom no ano 2000, Global Diez, o grupo de directivos encabezados por Rafael Valcarce Baiget, foi consolidando a súa posición na compañía, ao tempo que esta avanzaba nos seus obxectivos de relanzamento e consolidación do negocio.
En 2008, a participación de Global Diez alcanzou o 51 por cento, logo do desinvestimento da sociedade de capital risco Sodiga.
O acordo de compra-venda de accións selado agora entre Gesprotel e Global Dez supón a saída do conxunto de accionistas de Arteixo Telecom da primeira sociedade e a elevación da participación da segunda dende o 51 por cento ata o 71 por cento. Intelega, pola súa banda, mantén a súa participación do 29 por cento.
O director xeral e presidente de Arteixo Telecom, Rafael Valcarce, non ocultou a súa satisfacción por esta adquisición e asegura que “por primeira vez na historia de Arteixo Telecom, podemos dicir que a compañía é cen por cento galega, e isto supón un fito do que nos sentimos orgullosos”.
Valcarce engadiu que a súa entidade demostrou “que dende Galicia se pode innovar e desenvolver tecnoloxía para competir sen complexos nos mercados globais” e engadiu que seguirá a traballar pola consolidación do sector ETIC galego e por “impulsar na nosa comunidade autónoma un modelo económico baseado na produtividade, o valor engadido e o desenvolvemento sostible”.
Arteixo Telecom pasa a ser 100% galega
Compartir Este Artigo

