A presidenta de Médicos Sin Fronteras (MSF) en España, Paula Farias, mailo director de Desenvolvemento corporativo de Microsoft Ibérica, Carlos de la Iglesia, veñen de asinar un acordo de colaboración polo cal se reafirma a “vital importancia” da innovación tecnolóxica para que as organizacións sen ánimo de lucro poidan multiplicar os efectos positivos das súas actividades solidarias.
Mediante esta alianza, a organización medico-humanitaria de carácter internacional (que tanto está a traballar en prol dos máis necesitados en Haití e noutros territorios) e Microsoft, traballarán estreitamente para aplicar as Tecnoloxías da Información e das Comunicacións (TIC) en MSF, con beneficios que repercutirán non só nun mellor funcionamento interno da propia organización (grazas a un aumento da produtividade, mellora dos procesos ou ferramentas máis potentes de conectividade), senón en todas as persoas que día a día reciben o seu apoio crítico.
Microsoft, que se ve moi comprometida co encomiable labor que desenvolve Médicos Sin Fronteras, achegando axuda a poboacións en situación precaria e a vítimas de catástrofes de orixe natural ou humana e de conflitos armados, vén de facer unha doazón de infraestrutura tecnolóxica de máis de 800 licenzas de software, cuxo valor económico supera os 562.000 euros.
A través desta cesión exemplar, as case 3.000 persoas que traballan para a sección española de MSF, poderán empregar ferramentas TIC avanzadas no desenvolvemento dos múltiples proxectos que executa a nivel internacional. Estas ferramentas, dispoñibles para o persoal internacional expatriado e o persoal nacional, non só implicarán ás oficinas centrais en Barcelona, senón tamén a todas as oficinas “no terreo” no que MSF desenvolve proxectos humanitarios.
Entre os produtos que Microsoft pon a disposición de Médicos Sin Fronteras encóntrase dende o sistema operativo Windows tanto para postos de escritorio coma para os servidores, ata a completa suite ofimática Office, pasando por software de xestión para poder realizar as súas operacións diarias de forma óptima e ferramentas para poder crear unha intranet potente.
Asemade, Microsoft brinda a MSF as actualizacións e mantemento de balde das ferramentas durante dous anos grazas a Software Assurance, garantindo que a entidade sempre poderá contar coas últimas versións de todos os produtos.
A organización humanitaria e o equipo de Microsoft manteñen unha relación estreita e fluída que non só brindará á organización médico-humanitaria todo o apoio necesario para poñer en marcha e sacar o máximo partido a ferramentas doadas, senón que tamén está a dar como froito o estudo de posibles novos proxectos de futuro relacionados coas últimas Tecnoloxías da Información. Pero ademais de no terreo tecnolóxico, Microsoft tamén vai cooperar no contexto do seu programa de voluntariado interno, realizando campañas específicas encamiñadas a involucrar os propios empregados da firma de software no proxecto con MSF.
Microsot e Médicos Sin Fronteras colaboran tecnoloxicamente para optimizar as actividades solidarias
Compartir Este Artigo

