A entidade pública empresarial Red.es, dependente da Secretaría de Estado de Telecomunicacións e para a Sociedade da Información do Ministerio de Industria, Turismo e Comercio, vén de dar a coñecer as novidades con respecto á xestión dos dominios .es no noso país, ofrecendo agora, segundo informan dende o Axente Rexistrador RedCoruna, “unha xestión máis doada e rápida”.
Entre as principais novidades que se aportan, das que podemos dar conta por mediación desta entidade galega, destaca a ampliación dos prazos de renovación, así como o incremento das medidas de protección de datos.
Se ata o de agora os dominios .es só podían ser renovados por un periodo máximo de 5 anos, a partir desta data, os prazos de renovación e alta serán ampliables a 10 anos, podendo asignarse nomes de dominios .es por prazos de vixencia que van de 1 a 10 anos naturais.
Asemade, os dominios .es poderán ser renovados en calquera momento, e xa non será preciso agardar á data de vencimento dos mesmos.
Por último, e a fin de mellorar as medidas de protección de datos, ao realizar un Whois a un dominio .es, tan só se mostrarán os datos mínimos necesarios para a súa correcta xestión como pode ser nome de dominio, titular, data de alta, data de expiración, axente registrador, e no contacto administrativo e técnico o NIC-Handle, nome completo e un correo electrónico.
No contacto de facturación non se mostra información e por último tamén se mostran as DNS activas.
RedCoruna, como Axente Registrador Oficial de dominios .es por Red.es, vén de anunciar que está “plenamente satisfeita con estes cambios, posto que se ofrece unha meirande liberdade de xestión tanto para os usuarios, que poderán realizar os cambios que estimen oportunos dende a súa área de cliente, como aos propios Axentes Rexistradores”.
Na actualidade, o número de dominios .es aproxímase ao millón e medio, grazas ás melloras que se van a implantar, esta entidade asegura que “os dominios .es experimentarán un novo crecemento, similar ao que se dou en 2005, cando se aprobou o Plan Nacional de Nomes de Dominio, polo que calquera cidadán podía rexistrar o seu sen que se correspondera co seu propio nome ou da súa empresa”.
Red.es anuncia novidades importantes nos seus dominios
Compartir Este Artigo

