Malia que algúns internautas teimen en poñerlle cadeas, a presenza da nosa lingua segue a medrar na Rede, tanto entre os galegofalantes e os galegoescribintes como entre os que, sen selo, teñen descuberto en si mesmos un interese polo noso, e ás veces dende os países máis afastados do noso eixe de acción. Certo é que o máis normal dunha web que xorde dende o comezo achegando recursos útiles sobre a lingua é que vaia a máis, en visitas e en calidade, pero o medre de Digalego ten amosado nos últimos tempos unha gráfica de pendente pronunciada. Esta progresión, da que en parte é culpable agora a súa alianza con Xornal, materializouse hai pouco co Premio Eganet á Mellor Aplicación En Liña (que recoñeceu o traballo dos responsables do dicionario achegando milleiros de entradas e traducións) e ben de confirmarse unha vez máis ao terse disparado as súas visitas dende a integración do acceso ao servizo dende Xornal.
Pois ben, segundo fan saber os responsables de Digalego, o equipo de Ir Indo, o dicionario online multiplicou por cinco as súas visitas dende o seu achegamento á devandita canle de comunicación, que colleu corpo definitivo a pasada fin de semana. Este achegamento consiste en poñer ao alcance dos lectores de Xornal a consulta de calquera termo que se atope nos textos e seguindo o único paso de facer dobre clic sobre ela, co que se abre unha xanela virtual que non é outra cousa que Digalego achegando a definición ao respecto.
Este incremento no emprego do dicionario galego significa que catro de cada cinco visitas que recibe veñen dunha consulta feita no Xornal; visitas que segundo salienta Bieito Ledo, director de Ir Indo, proveñen en moitos casos de países tan afastados como China, India ou Estados Unidos, co que se confirma o que xa se supuña: o galego, sexa por si só ou por ser unha lingua da lusofonía, esperta interese entre a comunidade internauta, cada vez máis afeita e máis disposta a empregar con soltura canta lingua se lle poña por diante, dándolle as costas á presenza a todas luces cargante do inglés.
O Digalego multiplica por cinco as visitas tras o achegamento a Xornal.com
Compartir Este Artigo
