Non todo semella ser tarefa doada no cambio do sinal de televisión con tecnoloxía analóxica á dixital. Nalgúns recantos da nosa xeografía, algúns de tanta importancia demográfica como Carballo, a recepción da TDT non vén coa calidade desexada para preto do 5% das familias. Así o fai saber La Voz facéndose eco dos impedimentos de preto de 2.000 veciños do concello que arestora teñen escasa cobertura dixital ou ben ningunha. Cómpre lembrar que o vello sinal deixou de emitir esta mesma semana na dita bisbarra, ofrecéndose como alternativas a opción da Televisión Dixital Terrestre (en aberto en case toda a súa totalidade) e as alternativas do cable e o satélite (ámbalas dúas de pago). Segundo fixo saber estes días a Xunta nos seus continuos informes emitidos a pé de terra sobre o prendido dixital (TDT), o sinal está a chegar sen problemas á maioría dos fogares da comarca, dando ampla marxe para un medre na calidade de imaxe e son.
Con todo, puntualízase no xornal, hai unha cantidade de fogares que aínda non recolle con calidade de abondo o sinal de TDT, polo que é probable que as súas instalacións deban ser obxecto de melloras. Segundo informou Retegal, existe a posibilidade de que un dos principais atrancos estea en algo tan sinxelo de amañar como a disposición das antenas. Con todo, o Concello e os informes actuais da Xunta coinciden na necesidade de cubrir dixitalmente ao 5% da poboación do termo municipal que non recibe sinal ou recíbea de xeito mellorable.
Para o Concello, o proceso de dixitalización non pode achegar aínda cifras definitivas, posto que moita xente aínda está a mercar decodificadores e, ademais, a instalación por parte da Xunta de equipos que amañen os atrancos aínda está en desenvolvemento.
Arredor de 2.000 familias de Carballo teñen problemas arestora para acceder á TDT
Compartir Este Artigo

