Dende o pasado 11 de xaneiro e ata o vindeiro día 1 de febreiro, as pequenas e medianas empresas galegas que o desexen van poder sacarlle proveito á asistencia na implantación de metodoloxías de deseño e desenvolvemento de novos produtos e servizos a través do proxecto Itinerario adñ, que ofrece o Goberno Central, tan só solicitando a súa participación a través da páxina web oficial.
Esta iniciativa, promovida pola Sociedade estatal para o desenvolvemento do deseño e a innovación DDI adscrita ao Ministerio de Ciencia e Innovación, conta coa colaboración do Instituto Galego de Promoción Económica IGAPE e consiste nun conxunto de actuación tuteladas que, mediante un proceso, axuda ás empresas a acadar niveis óptimos de competencia no proceso de innovación, facendo énfase especial no deseño e no desenvolvemento de novos produtos e servizos orientados ao usuario final.
Xa que logo, durante o desenvolvemento do proxecto, as empresas galegas beneficiarias, ademais de realizar unha reflexión estratéxica innovadora, serán tuteladas e acompañadas para acometer o deseño dun novo produto ou servizo en liña coa súa estratexia de negocio porque, segundo afirman dende a entidade organizadora, “competir só por custos xa non é suficiente, e é necesario estimular a demanda desenvolvendo produtos e servizos diferenciados de alto valor engadido e adaptados ás necesidades do cliente”.
Os métodos e procesos propios de deseño, engaden, “facilitan a exploración e desenvolvemento de novos escenarios de negocio, novos produtos ou servizos para o futuro e outras fórmulas de xerar valor”.
Esta é a última semana para participar no proxecto Itinerario adñ
Compartir Este Artigo

