O portal de Internet Galicia, ven, siéntela, creado pola Consellería de Cultura e Turismo a través de Turgalicia para a promoción virtual da nosa Comunidade na Feira Internacional de Turismo, FITUR, recibiu ata hoxe (dende o pasado día 19 de xaneiro) máis de 91.000 solicitudes de acceso de internautas interesados en coñecer a oferta turística galega presente neste certame turístico.
Este sitio web, que é accesible en galego, español e inglés, para facer chegar os seus contidos aos internautas de todo o mundo, conta con información de toda a oferta turística galega en distintos formatos e permite a descarga de contidos audiovisuais, imaxes e textos dixitalizados sobre Galicia.
Asemade, permite visualizar as distintas actividades, visitas institucionais e presentacións que teñen lugar ao stand de Galicia en FITUR 2010, en directo mediante sinal de TV.
A web púxose en servizo a modo de ferramenta virtual para que todos aqueles que dispoñen de acceso a Internet puidesen seguir ao día as distintas actividades que se desenvolven no recinto institucional de Galicia en FITUR, e ter un cómodo acceso aos produtos e destinos que promociona o noso país nesta feira.
A través deste sitio web, os internautas tamén poden interacturar realizando fotomontaxes caracterizados de peregrinos que se poden descargar para imprimir ou enviar a través da Internet.
Galiciavensientela.com rexistrou o pico máximo de accesos o pasado día 22 de xaneiro, con 17.401 solicitudes de acceso procedentes fundamentalmente de España, Alemaña e Dinamarca. Este día rexistrouse unha transferencia de 6,71 xigabites de visualización de contido do portal.
Deste xeito, só en vídeo, esta web xerou ata hoxe 120 xigabites. Ata hoxe, os internautas visionaron 10.400 vídeos e a presentación do Xacobeo 2010 que levou a cabo o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo foi vista por 4.200 persoas.
Por outra parte, a meirande afluencia de accesos a este sitio web estase a rexistrar desde a propia páxina web de Turgalicia (turgalicia.es) que exhibe na súa home un amplo banner de acceso.
Por último, os responsables desta ferramenta en liña, tamén veñen de facer reconto da sección máis vista nesta web, que resultou ser a relacionada coas retransmisións por TV en directo das actividades que se desenvolven no recinto galego, así como a consulta do programa de actos e a descarga e visualización dos contidos dixitalizados de promoción de Galicia e o resto dos coexpositores.
Estes contidos están dispoñibles na páxina web para a súa consulta e descarga en distintos formatos.
Os contidos da páxina web do Turismo de Galicia en FITUR serán gravados e poderán ser descargados durante os vindeiros días e empregarse para reforzar a promoción dos coexpositores presentes nesta edición de FITUR con Turgalicia.
A web estará activa ata o fin da feira, porén os seus contidos máis xerais manteranse activos a través de Turgalicia.
A web de Galicia en FITUR supera as 91.000 visitas nunha semana
Compartir Este Artigo

