A Secretaría Xeral de Medios prosegue coa súa emisión continua de informes sobre o estado actual dos apagamentos analóxicos levados a cabo estes días na nosa xeografía. Segundo fai saber no seu reconto de hoxe xoves pola tarde, tras os procesos de dixitalización efectuados nas dúas últimas semanas a cifra de galegas e galegos que teñen neste intre Televisión Dixital Terrestre (TDT) nos seus fogares como canle única de recepción do sinal é de arredor de 550.000. Precisamente a de hoxe xoves foi a última xornada de apagamentos analóxicos desta semana, centrándose estas tarefas de acendido dixital na área técnica de Meda e nos centros emisores de Escairón, Monforte e O Barco.
Segundo informa a Secretaría Xeral, estes labores afectaron total ou parcialmente a 4 concellos de Lugo –Bóveda, Monforte de Lemos, A Pobra de Brollón e O Saviñao- e 4 concellos de Ourense –o Barco de Valdeorras, Petín, A Rúa e Vilamartín de Valdeorras. Estaríamos a falar, polo tanto, de 50.000 persoas máis que só ven a televisión a través da nova tecnoloxía.
Polo que atinxe ao desenvolvemento dos traballos, non houbo grandes novidades con respecto aos dos días previos. Deste xeito, tamén hoxe se rexistraron incidencias, principalmente atrancos para levar a TDT a determinados fogares, pero dende a Xunta informan que os técnicos de Retegal e das empresas instaladoras están arestora a traballar na súa solución. Nesta liña insírese a intervención levada a cabo esta mañá no microemisor de TDT de Baños de Molgas, en Ourense, onde o persoal de instalación atopou un desaxuste na parábola, problema que agardan ter amañado nos vindeiros días.
Cómpre lembrar que a semana que vén proseguirán os labores de apagamento, máis polo miúdo no que resta das fases I e II de implantación da TDT na nosa terra. Para comezar, o luns está previsto o cese da emisión do sinal antigo dunha ampla zona das provincias da Coruña e Ourense, co que a totalidade das dúas provincias ficarán dixitalizadas integramente (excepto a bisbarra coruñesa de Barbanza). En detalle, os ceses levaranse a cabo na área técnica de Ares, afectando aos centros emisores de Ares, Arou, Cabanas, Cariño-Ortigueira, Cerdido, Doniños, Ortigueira, Penamoa, Vimianzo e Xaviña, e tamén na área técnica de Meda, nos centros de Almorfe, Arnoia, Avión, Chandrexa, Crecente, Leiro, Lobios (I e II), Meda, Nogueira de Ramuín, Ourense, Pantón, Pontedeva, Sobradelo e Xunqueira de Espadañedo.
Os apagamentos deste xoves deixan un cifra de 550.000 galegas/os con acceso único á TDT
Compartir Este Artigo
