A comparecencia parlamentaria do secretario xeral de Medios, Alfonso Cabaleiro, dando conta do acadado ata o de agora en materia de transición definitiva á TDT na nosa terra, motivou no Bloque Nacionalista Galego unha serie de preguntas sobre o futuro das empresas que seguen a emitir en analóxico. Para Ana Luísa Bouza, deputada do BNG, o informe foi “premeditado” (posto que ao seu xuízo tiña que ser de balanzo do día despois do apagamento analóxico en tódalas cidades e non da implantación da TDT) e non deu información completa sobre o que vai acontecer cos núcleos que teñen problemas de recepción do sinal de TDT.
Para Ana Luísa Bouza, cómpre recibir información sobre as zonas rurais que poden ficar en sombra, “así como do número de axudas concedidas para a adquisición de decodificadores ou do que vai suceder coas emisoras que seguen a emitir en analóxico e non contan coa concesión para facelo en TDT”.
O secretario xeral de Medios, pola súa parte, fixo referencia á complexidade do traballo despregado (o feito de termos unha orografía tan complicada e unha poboación tan espallada non contribuíron a facer as cousas doadas) e de como iso non impediu (dixo) que se cumpriran os obxectivos previstos, executando en poucos meses un plano de despregamento de centos de centros emisores e achegando “a máxima cobertura e igualdade xeográfica”. Polo que respecta ás incidencias que se rexistran no proceso (sobre todo da índole de sinal inexistente ou defectuoso nalgunhas zonas), Cabaleiro sinalou que se está a tentar resolvelas o antes posible, “aínda que nalgúns casos máis complexos se vaian precisar días para conseguilo”. A maiores, recordou que “sempre informamos dos problemas que ían xurdindo e mesmo puxemos a disposición o 012 para que os cidadáns tiveran acceso a un punto de información”. Sobre as áreas ás que non vai chegar polo de agora a cobertura e as empresas que emiten aínda en analóxico, sinalou que se acometerá a súa solución coa máxima brevidade posible.
O BNG pide máis información sobre o apagamento analóxico na nosa terra
Compartir Este Artigo

