Dende a súa apertura en marzo de 2007, o telecentro de Arzúa foi consolidando os seus servizos ata convertirse, a día de hoxe, “no máis innovador” que ofrece esta vila coruñesa, famosa polos seus queixos, que non quere deixar de subir aos seus veciños e veciñas ao carro das novas tecnoloxías e Internet.
Tres anos pasaron xa dende que por primeira vez o telecentro de Arzúa recibía aos seus primeiros usuarios para formarse en todo o relacionado coas TIC, dándolle uso ás ferramentas tecnolóxicas dispoñibles na aula.
Neste tempo, o centro rexistrou un total de 758 usuarios dos que tan só en 2009 xa formalizaron a súa inscrición uns 270.
O telecentro da localidade forma parte da Rede de Dinamización da Sociedade da Información do concello e como tal, da acollida, sempre de balde, aos veciños e veciñas interesados en facer uso das instalacións e adentrarse no inquedante (para moitos deles) mundo da informática.
Segundo datos ofrecidos por Olalla Calvelo, a dinamizadora do devandito centro, a aula foi usada nun total de 5.761 ocasións dende a súa apertura, e nese tempo impartíronse nela 628 obradoiros tecnolóxicos así como diversas iniciativas entre as que destacaron as charlas e as xornadas de diversa temática. Nestas actividades participaron máis de 600 veciños e veciñas, sen contar as persoas que asistiron ás charlas que foron 145.
A programación deste telecentro, ao igual que a do resto de centros que hai espallados pola Comunidade, “é constante e variada”, tal e como asegura Olalla Calvelo, que entre outros obradoiros levou a cabo xornadas de videomontaxe, de fotografía dixital e de ferramentas tecnolóxicas baseadas en software libre.
O telecentro de Arzúa fai reconto do que deron de si os últimos tres anos
Compartir Este Artigo

