Caixanova está a levar a cabo no centro histórico de Santiago un importante labor de rehabilitación de edificios antigos, un deles tan salientable como a sede do Banco Gallego na praza de Cervantes, que precisamente se inaugura este xoves 4 de febreiro na súa nova e remodelada feitura. Por certo que o inmoble, que será o Centro Social de Caixanova na cidade, abrangue na súa nova andaina todo tipo de estratexias para a promoción do coñecemento, incluído o fomento en Compostela das novas tecnoloxías da información ou da arte nas súas diferentes manifestacións.
A idea da entidade bancaria galega é dinamizar o corazón da cidade antiga, sendo o acceso e a potenciación das novas canles dixitais un dos principais reclamos do edificio, amais de cuestións como a asistencia social, a formación, o medio ambiente ou o fomento do emprego.
Cómpre lembrar que a reconstrución deste novo centro social, un inmoble construído a finais do XIX e ligado dende o seu inicio ao Banco Gallego, veu da man do arquitecto compostelán José Luis Pereiro (bisneto do creador da construción), quen tivo que traballar sobre unha base de dimensións considerables: ata 5.000 metros cadrados de superficie. A nova infraestrutura, informa Caixanova, dispón de tres salas de exposicións, unha sala de conferencias, aulas e obradoiros para o desenvolvemento de accións formativas, salas de reunións e un emprazamento para a Escola de Negocios e o Instituto de Desenvolvemento Caixanova, amais dun centro de información para inmigrantes.
Polo que atinxe ás aulas, que serán en boa medida o epicentro da vida dixital do edificio, dan acubillo a equipamento para a realización de obradoiros audiovisuais (incluída a edición de vídeo en alta definición), de composición musical ou de fotografía dixital. Entre as accións programadas atopamos as seguintes: creación de curtas, posta en marcha de canles de TV en Internet, lanzamento de emisoras de radio pola Rede, fotografía de retrato, ferramentas para crear música ou podcasts, etc. Estes espazos de formación, orientados a todo tipo de usuarios (xente nova ou maior, profesionais, estudantes ou seareiros), tamén albergarán iniciativas sobre desenvolvemento de páxinas webs, blogs, intercambio de fotografías pola Rede ou uso das redes sociais.
Caixanova promoverá as novas tecnoloxías dende o seu Centro Social da zona vella de Santiago
Compartir Este Artigo

