O Consello da Xunta de Galicia aprobou hoxe a incorporación ao Consello de Dirección do Centro Informático para a Xestión Tributaria, Económico-Financeira e Contable (CIXTEC), dependente da Consellería de Facenda, dun representante da Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, órgano integrado na Presidencia da Xunta.
A razón desta decisión é harmonizar a colaboración directa entre o ente público encargado do apoio informático aos servizos da Consellería de Facenda e a Secretaría Xeral de Modernización con competencias transversais e xenéricas en materia de tecnoloxías da información.
Con este novo marco normativo será a Consellería de Facenda, en coordinación coa Secretaría Xeral de Modernización, dependente da Presidencia da Xunta de Galicia, as que aprobarán os plans de actuación do CIXTEC. Ademais, deste xeito, este ente levará a cabo as súas actuacións de acordo coas políticas e directrices tecnolóxicas da Xunta de Galicia.
Esta incorporación faise no marco da aprobación do decreto polo que se modifican os estatutos do CIXTEC co fin de adaptar os órganos colexiados das entidades que integran a Administración institucional da Comunidade Autónoma á nova distribución de competencias establecida pola Xunta de Galicia.
Ata o de agora o Consello de Dirección do CIXTEC estaba integrado polos membros que se detallan a continuación: a conselleira de Facenda; a secretaria Xeral e do Patrimonio; o director xeral de Tributos; o director xeral de Orzamentos, o director do Instituto Galego de Estatística; a interventora da Comunidade Autónoma e o director xeral do CIXTEC.
A Xunta avanza na harmonización das súas directrices TIC
Compartir Este Artigo

