
Os sinais, apunta, son máis que inequívocos: as previsións económicas que esta asociación tiña para 2009 foron cara a baixo, “xa que o mercado non respondeu de maneira axeitada e en Galicia comeza tamén a percibirse a crise no sector das TIC”. Segundo datos achegados pola industria, o sector a nivel estatal pecha 2009 cunha caída global do 8%, que nalgúns subsectores como o do subministro de equipos acada o 20%, o que se debe principalmente a tres grandes motivos, a xuízo de ASIMELEC:
· Os recortes orzamentarios das administracións públicas.
· A baixada no investimento das empresas nestas tecnoloxías.
· A caída no consumo privado.
Estes e outros factores, sinala AGESTIC, non deixan moita marxe para o optimismo de cara ao presente e o futuro próximo, tendo en conta onde remataron as previsións empresariais de hai un ano, cando non se albergaban apenas dúbidas da capacidade de resistencia e medre do sector TIC, e todo isto no máis cru dunha crise económica xeral. “Agora a crise vense de transformar nunha fonda preocupación paras empresas TIC galegas”, sinala Bourio, ao que engade, facendo referencia ao que está por vir: “O ano que comeza ten tamén un cariz crítico, calculándose dentro das previsións máis optimistas unha perda de negocio do 2,5% para o tecido produtivo tecnolóxico-dixital este ano en España, taxa tamén aplicable para Galicia”.
Por estes motivos, para AGESTIC é hora de que a Xunta actúe, fomentando o desenvolvemento da Sociedade da Información e tódolos seus elementos integrantes, os piares da mellora futura da produtividade, a innovación, a calidade de vida e mesmo o alicerce do desenvolvemento dun modelo económico sostible. “Sen un sector TIC forte é complicado que avancemos cara ao cambio de modelo económico que precisamos”, apunta José Manuel Bourio, que tamén reclama o esforzo das restantes administracións, a Central e máis as locais, para acometer todo tipo de accións urxentes para que a nosa economía poida verse beneficiada polas vantaxes das TIC.
AGESTIC pide medidas urxentes das administracións para frear a chegada da crise ao sector dixital
Compartir Este Artigo
