Blusens Middle East, a filial da compañía galega en Oriente Medio, vén de anunciar a súa presenza na feira CABSAT Mena 2010, probablemente o encontro empresarial e profesional máis salientable da devandita rexión do mundo, abranguendo unha boa parte dos mercados asiáticos e africanos. O obxectivo da multinacional compostelá é amosar polo miúdo o funcionamento e as vantaxes do seu dispositivo Blubrain, centro de lecer multimedia que como dixemos nesta mesma web con motivo da súa presentación en Madrid permite xestionar, reproducir e máis distribuír contido audiovisual entre un bo número de trebellos do fogar.
Blusens, que amais do Blubrain (alicerce da proposta de Blusens para o fogar conectado) presentará outros produtos do seu catálogo, contará en CABSAT coa presenza activa de Miguel Silva (vicepresidente executivo), Miguel Churruca (director de Marketing) e David Fernández (responsable da filial en Oriente Medio), todos eles dispoñibles para afondar nos produtos da compañía no stand G1-11 (hall 1) da dita feira tecnolóxica.
A previsión da compañía é informar polo miúdo das solucións IPTV, OTT, adPortal e Digital Signage, así como da liña de produtos de MATV para a recepción de sinais TDT e satélite nos fogares, hoteis e organizacións.
Blusens presenta o seu fogar conectado na feira CABSAT de Oriente Medio
Compartir Este Artigo
