Para os que tiñamos a empresas como Telefónica no punto de mira por achegar unha versión da súa web en catalán e deixar o galego aparcado ata novo aviso, cómpre ir convencéndonos de que queda por moito por facer na Rede á hora de conseguir que se respecte a nosa lingua, e máis se temos en conta que nin sequera se fai isto dende iniciativas postas en marcha ao abeiro dos cartos públicos, por moi estatais que sexan. Así nolo conta estes días o BNG a través do seu voceiro no Congreso dos Deputados, Francisco Jorquera, que ven de erguer a voz polo que considera un dos meirandes absurdos do panorama turístico-dixital dependente do Goberno. Falamos da web de Paradores do Estado, unha páxina que malia tocarnos de preto aos galegos (que ben que achegamos á dita rede turística algúns dos emprazamentos de meirande calidade de España, como o Hostal de Santiago ou San Estevo de Ribas de Sil) non presenta versión na nosa lingua. Aínda que iso si, a web pode visitarse en castelán, francés, alemán, inglés e catalán.
“De forma inexplicable, e sen ningún motivo que o xustifique, non se ofrece versión da páxina web en lingua galega”, sinala o deputado nacionalista, para quen está claro que estamos ante un novo caso de marxinación da nosa cultura por parte da Administración central, vulnerando de novo a lexislación e as iniciativas adoptadas para que o Goberno respecte o carácter plurilingüístico do Estado español. Perante esta situación, o deputado do BNG preguntoulle ao Goberno polos motivos desta exclusión do galego, esixindo que se adopten medidas para que a nosa lingua, ao igual que o castelán, poida ser empregada en todos os trámites da web de paradores.
A web de Paradores do Estado ofrece versións en castelán, inglés e alemán, pero non en galego
Compartir Este Artigo
